Unha muller galega nas letras

María Victoria Moreno, imaxe creada por chairego apc e compartida baixo licenza CC by-4.0. Prema na imaxe para a ligazón orixinal.

 

Lemos  o artigo que escrebe Begoña, a filla de María Victoria Moreno, no Sermos titulado A nana do bolígrafo. Dela collemos esta cita que resume o contido deste post, no que falamos de diversas achegas á obra de María Victoria Moreno e a súa situación no canon literario galego, polo feito de ser muller, polo feito de facer LIX.  Innovadora, pioneira en tantas cousas, ímonos centrar na súa voz de muller comprometida con isto e coa língua que usou para narrar, educar, crear.

 

Di a súa filla:

“esixiu sempre a igualdade real nas oportunidades porque de acadar os éxitos xa se encargaría ela.”

Da súa historia de amor co galego, do uso da lingua coma ferramenta de creación, parécenos moi interesante a súa aportación “Escritora alófona eu?”  no Primeiro Congreso dos poetas alófonos en lingua galega   A escolla da língua foi para ela sempre unha “historia de amor”, unha “autofonía”.

No ano 2016 María Victoria Moreno foi a figura homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, iniciativa do colectivo A Sega e que xa leva unhas cantas convocatorias organizadas. A visibilidade e o recoñecemento da escrita das mulleres– non hai máis que facer contas das homenaxeadas e dos homenaxeados– é máis que unha necesidade: é un acto de xustiza e de relectura do canon literario que non é o que nos enseñaron. No seu Manifesto “A forza da vontade”, falan así da autora:

“María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.”

Seguir lendo “Unha muller galega nas letras”

María Victoria Moreno vai á escola

Dende hai algún tempo adoitamos recoller as iniciativas que xorden na rede arredor das homenaxeadas no Día das Letras.  Obviamente, as páxinas da Real Academia Galega e o Consello da Cultura están entre elas, aínda que o que andamos a buscar é descobrer como e de que xeito nas escolas galegas estase a coñecer, divulgar e difundir a obra de María Victoria Moreno dándolle participación directa ao alumnado.

Vexamos algunhas cousiñas que nos pareceron moi interesantes:

 

  • No CEIP Anxo da Garda da Coruña, fan unha simulación dunha entrevista a María Victoria Moreno. Pareceunos moi divertida a idea e, ademáis, nótase o ben que o pasan facendo o vídeo. Botade unha ollada porque paga a pena:
  • Non perdades tampouco o que fixeron no CEIP Antonio Fernández López, unha mistura de reivindicación feminista na introdución, unha cantiga e con participación moi variada.

 

Coñecedes algunha máis? Escríbenos e axúdanos a difundilas todas!

“Os novísimos da poesía galega”: censura e curiosidades dos exemplares da BUSC

Falamos brevemento no post anterior da antoloxía (tan polémica!) titulada Os novísimos da poesía galega. publicada no ano 1973 na editorial Akal na súa colección Arealonga.  Nun artigo que sairá próximamente, a profesora Montse Pena Presas explica máis sobre esta cuestión. Non somos nós quen de engadir nada, ao contrario, aproveitamos a lectura de “A censura e a antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno” (en prensa, próximamente na revista Grial), para amosarvos un episodio ben curioso e que ten que ver cos exemplares da devandita antoloxía depositados na BUSC.

 

Na biografía publicada por Galaxia, indicábase que a antoloxía non “padecera” modificación algunha, despois de pasar o trámite, xa daquela potestativo, da censura. Así a todo, neste novo artigo que vai saír próximamente a profesora Pena Presas demostra que existiron dúas versións diferentes nesta primeira edición: nunha delas se elimina “Carta-poema aos fillos do Che” de Alfredo Conde, mentras que noutros exemplares esta composición se mantivo.  Montse Pena chegou a esta conclusión durante unha conversa sobre  coa profesora da USC Chus Nogueira, na que se decataron de que existían estas diferencias entre volumes empregando ambas  exemplares da BUSC, o que para nós é un feito marabilloso 🙂

 

Deixamos dúas imaxes: do poema na versión digamos “integral” da antoloxía e a doutra, que elimina esas páxinas.

Para maior información teremos que agardar a ler o artigo completo da profesora Pena Presas.

“Carta-pregaria os fillos do Che”poema de Alfredo Conde que aparece no exemplar da primeira edición de” Os novísimos da poesía galega”, sinatura da BUSC GA-868
O devandito exemplar confrontado a outra primeira edición(coa sinatura GAO.LT-V 91 da Biblioteca Intercentros de Lugo, e ao que se refería a profesora Chus Nogueira). Neste exemplar pásase directamente da páxina 101 á 104. Hai outro idéntico na Xeral coa sinatura R.D. 1957.

Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno

A autora cun exemplar da biografía A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, na entrada do Pazo de Fonseca.

 

Hai mulleres coas que as horas non chegan para falar. Un café con Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago, crítica literaria, colaboradora en diversos medios de comunicación) arredor da súa biografía de María Victoria Moreno deixa ganas, moitas, de seguir indagando sobre cuestións de canon, visibilidade, feminismo, literatura infantil e xuvenil e máis; aínda que a cita era para falar de A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. 

1.- A biografía é un encargo por parte de Galaxia. Estamos acostumadas a que agrome moitísima bibliografía arredor do autor ou autora obxecto de homenaxe no Día das Letras, pero no caso de María Victoria engadimos o feito de ser unha gran descoñecida para o público.

En realidade, descoñecida non tal, dado que para a xente dunha xeración concreta, Anagnórise foi lectura prescrita no bacharelato. Hai unha cuestión de canon moi interesante con respecto á literatura infanto-xuvenil galega: ata un determinado momento é considerada algo “menor”; mesmo semellante a unha literatura “sen calidade”, como ocorría tamén co resto da literatura infantil peninsular, en boa parte polos prexuízos que había respecto a este campo literario. Digamos que, a partir de 1985, ano no que Paco Martín gaña o premio “Barco de Vapor” constrúese un canon na literatura infantoxuvenil e esa xeración lectora xa accede dentro do currículo ao que antes estaba máis relegado, era case inexistente. Anteriormente, sí existía, pero non existía ese canon: por suposto que escribían autoras como Helena Villar Janeiro, Pura e Dora Vázquez ou mesmo Concha Blanco, considerada a súa literatura como formativa, como parte dos materiais escolares (lembremos que un dos libros de Concha Blanco chamábase Contos na escola e ata contiña actividades). María Victoria Moreno pertencería a esta xeración. Seguir lendo “Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno”

Website Powered by WordPress.com.

Subir ↑