Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno

A autora cun exemplar da biografía A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, na entrada do Pazo de Fonseca.

 

Hai mulleres coas que as horas non chegan para falar. Un café con Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago, crítica literaria, colaboradora en diversos medios de comunicación) arredor da súa biografía de María Victoria Moreno deixa ganas, moitas, de seguir indagando sobre cuestións de canon, visibilidade, feminismo, literatura infantil e xuvenil e máis; aínda que a cita era para falar de A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. 

1.- A biografía é un encargo por parte de Galaxia. Estamos acostumadas a que agrome moitísima bibliografía arredor do autor ou autora obxecto de homenaxe no Día das Letras, pero no caso de María Victoria engadimos o feito de ser unha gran descoñecida para o público.

En realidade, descoñecida non tal, dado que para a xente dunha xeración concreta, Anagnórise foi lectura prescrita no bacharelato. Hai unha cuestión de canon moi interesante con respecto á literatura infanto-xuvenil galega: ata un determinado momento é considerada algo “menor”; mesmo semellante a unha literatura “sen calidade”, como ocorría tamén co resto da literatura infantil peninsular, en boa parte polos prexuízos que había respecto a este campo literario. Digamos que, a partir de 1985, ano no que Paco Martín gaña o premio “Barco de Vapor” constrúese un canon na literatura infantoxuvenil e esa xeración lectora xa accede dentro do currículo ao que antes estaba máis relegado, era case inexistente. Anteriormente, sí existía, pero non existía ese canon: por suposto que escribían autoras como Helena Villar Janeiro, Pura e Dora Vázquez ou mesmo Concha Blanco, considerada a súa literatura como formativa, como parte dos materiais escolares (lembremos que un dos libros de Concha Blanco chamábase Contos na escola e ata contiña actividades). María Victoria Moreno pertencería a esta xeración.

2.- E moi interesante esa diferenza, non sempre especificada, entre literatura infantil/literatura xuvenil…ti comentas que é unha autora concienciada de literatura xuvenil, que ten moi claro o seu público.

Hai que ter en conta que Victoria Moreno, coma docente, sempre pensou que lle debía historias a ese público ao que ela alentaba na clase, formaba, axudaba. O seu interese foi crear tamén lectores con cuestións máis axeitadas das recoñecidas sempre para o público infantil. De feito, súa filla é a que lle recomenda a nai que escriba un libro tipo “Elixe a túa propia aventura” e desa idea crea  Leonardo e os fontaneiros, obra que terá repercusións non soamente profesionais (non gaña o premio ao que se presenta) senón tamén persoais (esto deixámolo para que as persoas que se acheguen a biografía o descobran ) 🙂

3.- Atopamos tamén un capítulo adicado ao espinoso asunto da antoloxía Os novísimos dapoesía galega que foi bastante polémica e cunha recepción moi crítica…

Unha das primeiras opinións negativas foi a de Celso Emilio Ferreiro, o matiz de “social” parecía non acaerlle ben á nómina de autores incluídos na selección. Por outra banda, os criterios (nacer a partir de 1943, ter publicado alomenos un libro e escribir en galego) reducían bastante a nómina deses “novísimos”, que deron unha imaxe da poesía galega máis nova como eminentemente social. A etiqueta de “novísimos” ademáis, tiña unha identidade moi clara na antoloxía  de Castellet, polo que xogar de novo con ela era xa perigoso de cara a recepción.

 

4.- Outro aspecto que chama moito a atención na vida de María Victoria Moreno é como foi quen de compatibilizar tantas actividades: libreira, profesora, coidadora, nai ,escritora..todo dende unha profonda reivindicación feminista. A contorna doméstica era fundamental para ela e a reivindicación do traballo na casa tamén, no que tiña o seu territorio de escritura. Lémbrame a escritoras como Alice Munro, que falaba por exemplo de que escribía no carto da plancha.

A súa capacidade de traballo e, ntegración de tódolos aspectos que formaban parte del- e onde o traballo doméstico era un piar e parte importante- era abraiante. Escribía roubando horas ao soño, escribía sempre.Mesmo é quen de escribir sobre a súa enfermidade, sobre a esperanza, os medos, os tratamentos e todo o que lle suxería no Diario da luz e a sombra. Escribir era parte da súa rutina, do seu ser.

5.- Para rematar…Non foi difícil como lectoras prendarnos da figura de María Victoria Moreno…como leva ese risco unha biógrafa? Digamos que se busca obxectividade, pero é difícil non caer nunha empatía total con unha muller que ten tantos aspectos admirables, que é tan contemporánea e tan moderna. Se tiveras ocasión de terlle preguntado algo, cal sería a túa pregunta?

Eu, si coñecera a María Victoria, preguntaríalle se pagou a pena a súa inmensa capacidade de sacrificio, todo ese traballo calado e cotiá que realizou na casa. Preguntaríalle se tería repetido agora esa especie de “misión” que se autoadxudicou.

 

 

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Website Powered by WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: