Falamos brevemento no post anterior da antoloxía (tan polémica!) titulada Os novísimos da poesía galega. publicada no ano 1973 na editorial Akal na súa colección Arealonga. Nun artigo que sairá próximamente, a profesora Montse Pena Presas explica máis sobre esta cuestión. Non somos nós quen de engadir nada, ao contrario, aproveitamos a lectura de “A censura e a antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno” (en prensa, próximamente na revista Grial), para amosarvos un episodio ben curioso e que ten que ver cos exemplares da devandita antoloxía depositados na BUSC.
Na biografía publicada por Galaxia, indicábase que a antoloxía non “padecera” modificación algunha, despois de pasar o trámite, xa daquela potestativo, da censura. Así a todo, neste novo artigo que vai saír próximamente a profesora Pena Presas demostra que existiron dúas versións diferentes nesta primeira edición: nunha delas se elimina “Carta-poema aos fillos do Che” de Alfredo Conde, mentras que noutros exemplares esta composición se mantivo. Montse Pena chegou a esta conclusión durante unha conversa sobre coa profesora da USC Chus Nogueira, na que se decataron de que existían estas diferencias entre volumes empregando ambas exemplares da BUSC, o que para nós é un feito marabilloso 🙂
Deixamos dúas imaxes: do poema na versión digamos “integral” da antoloxía e a doutra, que elimina esas páxinas.
Para maior información teremos que agardar a ler o artigo completo da profesora Pena Presas.


Deixar unha resposta