
Lemos o artigo que escrebe Begoña, a filla de María Victoria Moreno, no Sermos titulado A nana do bolígrafo. Dela collemos esta cita que resume o contido deste post, no que falamos de diversas achegas á obra de María Victoria Moreno e a súa situación no canon literario galego, polo feito de ser muller, polo feito de facer LIX. Innovadora, pioneira en tantas cousas, ímonos centrar na súa voz de muller comprometida con isto e coa língua que usou para narrar, educar, crear.
Di a súa filla:
“esixiu sempre a igualdade real nas oportunidades porque de acadar os éxitos xa se encargaría ela.”
Da súa historia de amor co galego, do uso da lingua coma ferramenta de creación, parécenos moi interesante a súa aportación “Escritora alófona eu?” no Primeiro Congreso dos poetas alófonos en lingua galega A escolla da língua foi para ela sempre unha “historia de amor”, unha “autofonía”.
No ano 2016 María Victoria Moreno foi a figura homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, iniciativa do colectivo A Sega e que xa leva unhas cantas convocatorias organizadas. A visibilidade e o recoñecemento da escrita das mulleres– non hai máis que facer contas das homenaxeadas e dos homenaxeados– é máis que unha necesidade: é un acto de xustiza e de relectura do canon literario que non é o que nos enseñaron. No seu Manifesto “A forza da vontade”, falan así da autora:
“María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.”
Deste xeito, autoras coma Paula Carballeira, Fina Casalderrey ou Paula Gómez del Valle fan as súas achegas poéticas, narrativas e testimoniais arredor da figura de María Victoria Moreno. Podédelo consultar en Días das Galegas nas Letras: A Sega
Incidindo nesa “rareza” do sistema literario, Eli Ríos no seu artigo “Non somos santas” publicado no último número de Tempos Novos e que inclúe un especial sobre María Victoria Moreno, di o seguinte sobre a “santificación” que se está a facer :
Estamos repetindo o discurso feito con Rosalía durante moito tempo e aplicámosllelo a todas as mulleres que ousen escribir en galego. Se non se axustan ás normas inventadas para as femias da sociedade, xa re-escribimos a súa historia ao noso parecer
Deixar unha resposta