Cronobiografía de María Victoria Moreno

 

 

1939 Nace en Valencia de Alcántara, Cáceres, o primeiro de maio. Pasará uns anos en Badaxoz e posteriormente en Segovia por mor dos destinos do seu pai, estudante de dereito mobilizado durante a Guerra Civil.

1949 Morre o seu pai, Vicente. A familia trasladase a Sepúlveda onde súa nai, Sara, pon escola.

1951 Consegue unha bolsa para facer o bacharelato en Barcelona onde aprende catalán e francés e descobre a literatura.

1958 Inicia os estudios de Filoloxía Románica na Universidad Complutense de Madrid.

1963 Rematada a carreira, casa con José Luís Llacer a quen coñecera na universidade  e trasládanse a Pontevedra onde él, invidente, traballa no Colexio da ONCE.

1965 Aproba as oposicións e vai destinada ao Instituto Masculino de Lugo onde traba amizade con Xesús Alonso Montero. Alí convirtese nunha activista a prol da lingua galega. Traballará tamén catro anos en Vilalonga (Sanxenxo) onde comezará a escrita de Anagnórise.

1967 Regresa a Pontevedra, onde pasará o resto da súa vida, con praza de profesora e mais tarde de catedrática no Instituto Femenino (actualmente Valle-Inclán) e no IES Gonzalo Torrente Ballester.

1972 O seu activismo cultural a leva a participar en cursos de galego (voluntarios e non remunerados) organizados pola asociación Amigos da Cultura de Pontevedra. No 1974 se lle retira o pasaporte como represalia por estas actividades vistas como subversivas polo réxime.

1973 Xunto con oito socios abre a librería Xuntanza en Pontevedra dende a que se difunde a literatura galega e de outros autores prohibidos pola censura. Neste mesmo ano publica con Ediciós do Castro o seu primeiro libro Mar adiante ilustrado por ela mesma e no que se inclúe o conto Clarisca e Luceiro que quedará en segundo lugar no Premio O Facho. Tamén publica neste ano a antoloxía Os novísimos da poesía galega que recolle textos de dez poetas posteriores a 1943 seleccionados e traducidos ao castelán por ela mesma.

1979  Publica O cataventos que acada o Premio O Facho.

1980s Son anos nos que continua publicando historias que poñen de manifesto o seu amor pola natureza e o aprendizaxe a través do contacto respectuoso con ela. Destaca nelas a ensinanza a través do agarimo e, en moitas historias, a utilización dos animais como auténticos protagonistas (A festa no faiado, 1983 ; Leonardo e os fontaneiros, 1986 ). Publica tamén xunto a Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado, libros de texto de literatura galega.

1988 Por decisión de Carlos Casares, créase en Galaxia a colección de literatura infantil Arbore que será dirixida por María Victoria Moreno durante dez anos. Neste mesmo ano publica Anagnórise, considerado un clásico dentro da literatura xuvenil galega e reconecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY (International Board on Books for Young People).

1990s         Esta década ven marcada pola morte do seu home no 96 e o cancro de mama que lle diagnostican no 97 e que suporá unha loita permanente cos tratamentos e unha escritura, nas súas palabras “contra o reloxo”. En 1999 publica Guedellas de seda e liño.

2002 Vese obrigada a xubilarse por problemas de saúde. Neste mesmo ano inicia unha relación co mariño cubano Pedro Ferriol co que casará un ano mais tarde.

2004 Publica Diario da luz e a sombra, no que reflexiona sobre a súa experiencia co cancro.

2005 Pedro Ferriol pasa a ordenador a que fora a súa primeira novela, aínda escrita en castelán, e a presenta a un concurso en Salamanca que gaña. Posteriormente está novela será traducida ao galego por Xavier Senín e publicada postumamente en 2009 co título Onde o aire non era brisa.

2005 Morre en Pontevedra o 22 de novembro. Nos últimos anos, recibiu a homenaxe de libreiros, editores e compañeiros do seu instituto, o IES Torrente Ballester ao que legou a súa biblioteca.

 

 

Powered by WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: