María Victoria Moreno vai á escola

Dende hai algún tempo adoitamos recoller as iniciativas que xorden na rede arredor das homenaxeadas no Día das Letras.  Obviamente, as páxinas da Real Academia Galega e o Consello da Cultura están entre elas, aínda que o que andamos a buscar é descobrer como e de que xeito nas escolas galegas estase a coñecer, divulgar e difundir a obra de María Victoria Moreno dándolle participación directa ao alumnado.

Vexamos algunhas cousiñas que nos pareceron moi interesantes:

 

  • No CEIP Anxo da Garda da Coruña, fan unha simulación dunha entrevista a María Victoria Moreno. Pareceunos moi divertida a idea e, ademáis, nótase o ben que o pasan facendo o vídeo. Botade unha ollada porque paga a pena:
  • Non perdades tampouco o que fixeron no CEIP Antonio Fernández López, unha mistura de reivindicación feminista na introdución, unha cantiga e con participación moi variada.

 

Coñecedes algunha máis? Escríbenos e axúdanos a difundilas todas!

Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno

A autora cun exemplar da biografía A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, na entrada do Pazo de Fonseca.

 

Hai mulleres coas que as horas non chegan para falar. Un café con Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago, crítica literaria, colaboradora en diversos medios de comunicación) arredor da súa biografía de María Victoria Moreno deixa ganas, moitas, de seguir indagando sobre cuestións de canon, visibilidade, feminismo, literatura infantil e xuvenil e máis; aínda que a cita era para falar de A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. 

1.- A biografía é un encargo por parte de Galaxia. Estamos acostumadas a que agrome moitísima bibliografía arredor do autor ou autora obxecto de homenaxe no Día das Letras, pero no caso de María Victoria engadimos o feito de ser unha gran descoñecida para o público.

En realidade, descoñecida non tal, dado que para a xente dunha xeración concreta, Anagnórise foi lectura prescrita no bacharelato. Hai unha cuestión de canon moi interesante con respecto á literatura infanto-xuvenil galega: ata un determinado momento é considerada algo “menor”; mesmo semellante a unha literatura “sen calidade”, como ocorría tamén co resto da literatura infantil peninsular, en boa parte polos prexuízos que había respecto a este campo literario. Digamos que, a partir de 1985, ano no que Paco Martín gaña o premio “Barco de Vapor” constrúese un canon na literatura infantoxuvenil e esa xeración lectora xa accede dentro do currículo ao que antes estaba máis relegado, era case inexistente. Anteriormente, sí existía, pero non existía ese canon: por suposto que escribían autoras como Helena Villar Janeiro, Pura e Dora Vázquez ou mesmo Concha Blanco, considerada a súa literatura como formativa, como parte dos materiais escolares (lembremos que un dos libros de Concha Blanco chamábase Contos na escola e ata contiña actividades). María Victoria Moreno pertencería a esta xeración. Seguir lendo “Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno”

Powered by WordPress.com.

Subir ↑