“Os novísimos da poesía galega”: censura e curiosidades dos exemplares da BUSC

Falamos brevemento no post anterior da antoloxía (tan polémica!) titulada Os novísimos da poesía galega. publicada no ano 1973 na editorial Akal na súa colección Arealonga.  Nun artigo que sairá próximamente, a profesora Montse Pena Presas explica máis sobre esta cuestión. Non somos nós quen de engadir nada, ao contrario, aproveitamos a lectura de “A censura e a antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno” (en prensa, próximamente na revista Grial), para amosarvos un episodio ben curioso e que ten que ver cos exemplares da devandita antoloxía depositados na BUSC.

 

Na biografía publicada por Galaxia, indicábase que a antoloxía non “padecera” modificación algunha, despois de pasar o trámite, xa daquela potestativo, da censura. Así a todo, neste novo artigo que vai saír próximamente a profesora Pena Presas demostra que existiron dúas versións diferentes nesta primeira edición: nunha delas se elimina “Carta-poema aos fillos do Che” de Alfredo Conde, mentras que noutros exemplares esta composición se mantivo.  Montse Pena chegou a esta conclusión durante unha conversa sobre  coa profesora da USC Chus Nogueira, na que se decataron de que existían estas diferencias entre volumes empregando ambas  exemplares da BUSC, o que para nós é un feito marabilloso 🙂

 

Deixamos dúas imaxes: do poema na versión digamos “integral” da antoloxía e a doutra, que elimina esas páxinas.

Para maior información teremos que agardar a ler o artigo completo da profesora Pena Presas.

“Carta-pregaria os fillos do Che”poema de Alfredo Conde que aparece no exemplar da primeira edición de” Os novísimos da poesía galega”, sinatura da BUSC GA-868
O devandito exemplar confrontado a outra primeira edición(coa sinatura GAO.LT-V 91 da Biblioteca Intercentros de Lugo, e ao que se refería a profesora Chus Nogueira). Neste exemplar pásase directamente da páxina 101 á 104. Hai outro idéntico na Xeral coa sinatura R.D. 1957.

Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno

A autora cun exemplar da biografía A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, na entrada do Pazo de Fonseca.

 

Hai mulleres coas que as horas non chegan para falar. Un café con Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago, crítica literaria, colaboradora en diversos medios de comunicación) arredor da súa biografía de María Victoria Moreno deixa ganas, moitas, de seguir indagando sobre cuestións de canon, visibilidade, feminismo, literatura infantil e xuvenil e máis; aínda que a cita era para falar de A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. 

1.- A biografía é un encargo por parte de Galaxia. Estamos acostumadas a que agrome moitísima bibliografía arredor do autor ou autora obxecto de homenaxe no Día das Letras, pero no caso de María Victoria engadimos o feito de ser unha gran descoñecida para o público.

En realidade, descoñecida non tal, dado que para a xente dunha xeración concreta, Anagnórise foi lectura prescrita no bacharelato. Hai unha cuestión de canon moi interesante con respecto á literatura infanto-xuvenil galega: ata un determinado momento é considerada algo “menor”; mesmo semellante a unha literatura “sen calidade”, como ocorría tamén co resto da literatura infantil peninsular, en boa parte polos prexuízos que había respecto a este campo literario. Digamos que, a partir de 1985, ano no que Paco Martín gaña o premio “Barco de Vapor” constrúese un canon na literatura infantoxuvenil e esa xeración lectora xa accede dentro do currículo ao que antes estaba máis relegado, era case inexistente. Anteriormente, sí existía, pero non existía ese canon: por suposto que escribían autoras como Helena Villar Janeiro, Pura e Dora Vázquez ou mesmo Concha Blanco, considerada a súa literatura como formativa, como parte dos materiais escolares (lembremos que un dos libros de Concha Blanco chamábase Contos na escola e ata contiña actividades). María Victoria Moreno pertencería a esta xeración. Seguir lendo “Arredor do doméstico, do literario, do cotiá: conversa con Montse Pena Presas sobre “A voz insurrecta” de María Victoria Moreno”

Powered by WordPress.com.

Subir ↑